Thursday 02 de May de 2024

O Festival de Títeres de Brión celebra este ano as súas vodas de prata


Títeres Tanxarina, Baobab Teatro e Pérez & Fernández conforman un cartel á espera de emprazamento xa que, dependendo das inscricións, as actuacións terán lugar no polideportivo ou no polivalente

O Concello de Brión celebra este ano a edición número 25 do seu Festival de Títeres, que terá lugar do 28 ao 30 de decembro. Títeres Tanxarina, Baobab Teatro e Pérez & Fernández son as tres compañías que integran o cartel das vodas de prata dun certame que, por mor das medidas de prevención contra a Covid-19, aínda non ten escenario definitivo.
E é que para participar en calquera das tres actuacións será preciso reservar previamente a entrada chamando ao teléfono 981 50 99 08. Se houbera moita demanda, a actuación tería lugar no pavillón polideportivo municipal. En caso contrario, o auditorio sería o salón de usos múltiples do centro social polivalente. En ambos os dous casos, as actuacións terán lugar ás 18:00 horas e baixo unhas estritas medidas de seguridade: levar máscara, hixienización de mans, manter a distancia de seguridade e obriga de permanecer na cadeira durante todo o espectáculo.
A programación deste ano dará comezo o luns 28 de decembro con “As bombas e o xeneral”, de Tanxarina Teatro. Trátase dunha obra de 40 minutos, dirixida por Cándido Pazó e que combina actores con siluetas animadas. Un espectáculo para nenos e nenas de máis de 5 anos que busca concienciar aos máis pequenos dos danos que provocan as guerras.
O martes 29 de decembro é a quenda de Baobab Teatro, que porá en escena “O lobo e a lúa”, premio Barriga Verde de textos para Teatro de Monicreques de 2014 e pensada para un público familiar a partir dos 3 anos. “O lobo e a lúa” é unha peza teatral tenra, divertida e intrigante duns 50 minutos. Unha historia de amizade, superación dos propios medos e de amor dirixida por Óscar Ferreira.
Finalmente, Pérez&Fernández pecharán o XXV Festival de Títeres de Brión o mércores 30 de decembro con “O poder de Amabel”, unha obra de teatro de monicreques e actores para un público familiar inspirada na novela infantil de Érica Esmoris. Unha obra na que a protagonista, filla dunha familia de superheroes, fará unha viaxe para descubrir o seu superpoder.